sábado, julho 16, 2005

BUEU

O neboeiro na vila. E casas marítimas (brancas, Massós)... E Lagos. E as ondas (Virxinia Woolf, cuncas de madeira, pétalas... terra negra, rumores entre as follas...). E película de xardín inglés, botánico, en tarde de verán tranquila, neboenta... E un Museo submarino fronte á Pedra Branca. E a Roiba que nos ofrece a súa poesía, a decadencia, as voces das sereas, un antigo caderno de bitácora perdido no tempo, e os don Diegos de noite ofrecéndonos o aroma no serán, e un té bebido nas galerías abandonadas (salazóns antigas), e Pescadoira coa dignidade dun pasado de peixes e calacús, e a Praia cos comercios, e a Alameda perdida, os sons das randeeiras, os xabróns nos estantes, os xogos da auga no anaco de terra da trastenda, e a ilusión do fiúncho, o mostrador de madeira, e o avó xogando coa caligrafía de Rubio, e subimos ata a confeitería das cristinas de nata, do azucre glas sobre os bolos e a brancura das banquetas dos primeiros ollares, e saltan polo ar as fitas de cores (rosa exquisito) que enredaban os doces, e as laranxas confeitadas, e as flores cultivadas na entrada tan digna (ovos fritos de margaridas, verduras de follas, colares de marabillas), e as fotografías da primeira idade, o pato que peteira, a randeeira verde no xardín dos avós, a regadeira de xoguete e o tendal de nena (vestidos de bonecas, pinzas de muller), e un nenuco no cuarto da costura, e a tortilla francesa, e unha bañeira perdida na tarde de verán, e un biquini de peixes, e o peirao da praia Pescadoira, e Filomena abría a súa tenda, e había mirindas, e carteiras de rede...

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Interesante descrición subxectiva da vila de Bueu.

2:51 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home