sábado, julho 16, 2005

ESFARRAPADA

Gato, a casa de Áurea ábrese como unha tarde que nos arrola. Comprei para ti este chupa-chup. Por que a noite xorde tan cedo nos días de inverno? Curro Jiménez, boneca de trapo, alcoba de tenrura pola filla que amas, e David xorde sobre coche de xoguete, e aparece unha randeeira como parque de Caldelas. Café, teteira portuguesa de lata e ferruxe, e a Rega é a tristura máis absoluta... E agroman saquetas entre o millo, e imos polos carreiros ata a Feixiña luminosa, ata a Furna das mazás, a puza do lagarto, os culleiróns, as batas de Saldina, e Elvira xogando ás agachadas entre os fentos, e Ceci busca ao Bobo no curral, e imos a Forzáns, e o Señor Rei ofrécenos banco antigo fronte á tenda, e hai cans e leiteiras grandes que se ofrecen como agasallo dun mundo vello. E como devecemos por visitar aquela aldea perdida na carballeira (Xesteira engaiolante), a das fontes esparexidas entre as casas, a das mazás, a das pereiras bravas, o lugar dos xogos da nosa nai pequena (e vai á escola, e vai coas vacas, e limpa a casa, e pon unha planta no corredor con papel de cristal rodeando maceta improvisada -ilusión de nena-), a vivenda de Rei que dorme onda a arca das viaxes, e a limpeza na pobreza humilde, e o pan que acaba de saír do forno (fariña para o porco, artesa de fartura), e a avoa que colle a auga quente da caldeira (cociña de ferro no inverno), e os caramelos de menta, e a camiña pregable estendida no teu cuarto, e a raposa María alá no fondo das veigas, e a cabana do eirado (xesteira de acubillo), e o túnel entre os fentos (tarde radiante), e fomos ata Avión, e fomos felices, e Ghende amosa a festa antiga, dona Preguiza nova sobre a auga, e os mexicanos que habitan estación intermedia, e Alzira tan ridora, e Amadeu de broma, e un Nicolau que habitaba nas fonduras de Anceu, e o Ramís desprega as súas ás, e Barbudo esperta, e Berducido loce saias cor laranxa (varanda vella).