terça-feira, setembro 27, 2005

COLORÍN COLORADO


sulcamos a meseta con roupa de verán, sandalias de mazá e peras. Vallecas, Pacífico (oceanográfico castellano), Malasaña, Vía Láctea (Alaska calza tacón alto), e calor, abafante clima... Acudo madrugadora ao Prado, vestido azul de ondas e escuma. O metro, esa catedral das culturas, Madrid é unha célula enorme pero diminuta, Galiza é vento liberado, inmenso microespazo -afortunada-. Brasil, República Dominicana..., a traxedia tan preto de min, observo inmóbil sentada no metro -recordando Barrio, soño adolescente-; abro a porta a ese madrileño do norte, La hoja roja (Delibes, paseos á tardiña, parque periférico oxidado, busco El secreto de la arboleda, un barco de vapor, unha locomotora, unha maga que vive tras unha porta minúscula -entramos?-), Arqueolóxico grego, mesturamos a auga co viño. E quedamos en Tribunal cun estudante da Carlos III (Manuel, botarémoste de menos), calor abafante... Copelia (cadros escoceses, auga osixenada) e metro na Praza de España. Domingo no rastro, tarde en Sol -arabic tea-. E ceamos unha tortilla francesa, lemos os astros -gatos en agosto, Leóns felinos-... E viaxamos de regreso...
Exames na praia, Aquiles e Pentesilea en Lapamán. E 4 de Xullo, tras as escaleiras a facultade de pedra, consumo o primeirísimo ocio de verán, converso de cinema no vagón do tren cun pitxeleiro ávido de coñecementos... (xa viches Jules et Jim?)...
a area branquísima, a luz algodón, brillamos ciclopes derretidos. É unha illa no tempo, unha tarde de verán de maxia (elaborada na neve), un amor in extremis, a telúrica unión coa natureza que observa, memoria poética en Lapamán (brotan estrelas e vinilos das letras sementadas). Quedaban días inmensos por escribir... (lumínica estilográfica).
pechamos as tardes de verán, as noites quentes subsaharianas, corremos o telón do absurdo... (hoxe xa usei calcetíns calcetados -colorín colorado..., este verán queda clausurado).

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Chegoume a alma a praia de Lapamán como pano de fondo. Un saúdo, Lauridinha.

8:39 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home