sexta-feira, setembro 23, 2005

O GRUPO ESCOLAR


Setembro. Un cumpreanos con medias noites, queixo con chourizo e millo... a luz que esmorece, voces, silencio, calma absoluta aderezada con frío escolar. Imos ver as listas ao grupo, penduradas das fiestras vellas de ferro. A recolecta do material escolar... a confianza cega no deseño, a estética Holly-Hobbie (amigas con gorros de nube). O libreiro da Pontevedra gris convídame a vivir un desexo agochado: busco o meu proxecto estacional -ser unha Holly-Hobbie mentres poida-, vivir na burbulla de globo, vestir nube amora... E forramos os libros (paxaro tolo na EXB), e mercamos colores -sinxela nomenclatura escolar-, e mamá abre o arcón, a roupa de inverno, la, xerseis que pican, nenos elegantes sorbendo batido de amorodo (revistas de calceta), vestidos de la con peterpans -brancos con pintas de lama-. E soño o inverno, ideo un comportamento novo (nena de caramelo), boto a cabeza contra as costas, sinto o pelo medrar suave de princesa-, tomo baños de escuma, son a científica dun laboratorio de hixiene corporal... E penso que tal vez poida ver neve na escola... E na clase pintamos, moldeamos plastilina, lemos Lala pone la mesa, Lala toma sopa y zumo, Lala se baña, se lava la cara y la boca...
Pero pasan os meses..., a carteira escolar fica esquecida, pesa e molesta nas costas; a letra perde distinción, a chuva comeza a ser tediosa (xa non sempre cadra sopa quente para comer)... Xa non son unha nena de nube porque non me dá a gana. Protesto, poño cara de indignada -formamos unha comitiva anti-poliestireno (leo 50 cosas que los niños pueden hacer para salvar la tierra), e xa non son nena caramelo porque a todas non nos deixan, porque hai nenos que baixan do bus con carteira estragada, unhas cantas moedas para merendar, xerseis estirados, lentes enormes (nenos-persoa no entroido, cando os demais somos moros, indios, piratas e presidiarios)...