quinta-feira, setembro 15, 2005

OS GOZOS E AS SOMBRAS

Seguindo nesta homenaxe a un tempo e un espazo (o Bueu dos anos 20 e 30), remítome a unha obra senlleira da literatura española: Los gozos y las sombras .
Coido que esta novela de Torrente Ballester non foi suficientemente estudada en relación ó retrato dunha vila e duns personaxes reais. Nela está o dono indiscutible do Bueu daquela época, un Gaspar Masso que era á vez home do seu tempo (creador do museo actual, mecenas de artistas, seguidor da tecnoloxía e as artes do marketing) e señor feudal. Nela está Juanito dos Santos, o tolo máis cordo da vila e compañeiro inseparable de homes da cultura como Castroviejo. Nela está maltratado e mal retratado (traizón inexplicable de Torrente Ballester) Johan Carballeira, que só se albisca na súa loita polos mariñeiros (conseguiu un prezo fixo para a sardiña sendo alcalde) e na súa pertenza a unha rama da fidalguía vida a menos da vila; aínda que quizais a súa persoa se desdobre en dúas e tamén forme parte dese médico culto e reflexivo que tan ben interpretou Eusebio Poncela na non tan boa adaptación televisiva. E nela están alcumes (a Rucha, etc.) e lugares comúns do Bueu da época.
Nela, en fin, aínda pervive un Bueu que o mal gusto e o interese político e económico están facendo desaparecer (remodelación nefasta do pazo da familia de Johan Carballeira, terribles casetas para os mariñeiros no peirao, perda da praia de Pescadoira no centro da vila por mor da ampliación do peirao, deterioro do emblemático lugar da Praia de Beluso e perda parcial da praia por mor dun peirao "deportivo", derrube da fábrica de Massó, perda de varias vivendas emblemáticas do centro da vila, remodelación de rúas que máis ben parece que levan 20 anos feitas polo seu estado...).
En fin... sempre nos quedará a literatura.

5 Comments:

Anonymous Anónimo said...

ei, q te contratem na web do concello de bueu, para umha columna semanal,mui interesante o texto. um saúdo e aviasa quando tenhas o fotolog!!!

5:39 da tarde  
Blogger Laurindinha said...

Desgraciadamente, no creo que ó Concello (ó goberno de Bueu, agora do PP, despois dunha moción de censura)lles gusten moito os meus comentarios. Critico as actuacións nefastas do PP en Bueu (Xunta, concello) e lémbrolles persoas que preferían esquecer (non sabes a polémica que houbo cando se erixiu o monumento de homenaxe a Johan Carballeira, estando daquela o BNG no poder).
Ah, por certo, non son Cecilia, son a súa irmá, a outra metade de Laurindiña.

7:51 da tarde  
Blogger Laurindinha said...

Ah, e un saúdo, Nacho. Espero que pasases un bo verán.
Ah, o do fotolog creo que vai indo, cando estea xa te avisa Ce.
L.

8:04 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Totalmente de acordo con todo o que apuntas neste apartado. Por unha banda animo a aquel que o desexe sa relacionar nomes de ficción na novela cos nomes reais que Torrente coñecia en Bueu. Por outra a solidarizarme co cabreo pola desfeita que do patrimonio historico e urban se fai deste pobo.
Sinalar, para coorrixir que por Gonzalo Masso tes que por Gaspar Massó

6:28 da tarde  
Blogger Laurindinha said...

Síntoo, foi un lapso estúpido. Rectifícoo agora mesmo. E moitas gracias por apuntarmo.
E gracias por solidarizarte co meu cabreo pola desfeita que está a sufrir Bueu. Sempre é bo saber que máis xente pensa coma ti.

8:24 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home