quinta-feira, novembro 27, 2008

O FRÍO

Confeso que Vigo comeza a atacarme coa súa grisácea sordidez. Maldita melancolía de mañanciña. Subo a rúa Carral e reparo no escaparate desordenado dun carpinteiro de ribeira en miniatura, "Barquitos", vende o señor, e non hai máis ca ese taller excelso e famento doutras vidas. Ao pé do seu cuartiño de labores, outros señores madrugaron para facer o seu labor dunha vida, cortar o cabelo e mais a barba. Prenden o televisor e agardan aos clientes sentados e despreocupados. Coido que ven Bonanza ou algún sucedáneo. Son vellos barbeiros, ou barbeiros antigos, que ademais teñen un cabalo (ao estilo daqueles da moeda e galerías Oliva), para subir aos nenos mentres lles rapan o cabelo.
Deixando Carral, Vigo vólvese cidade e xorden esas figuras sempiternas que soportan o frío na esquina de Policarpo Sanz. Son figuras kaurismáticas e por iso dan pena (aínda que alguén pense que soportar penas sexa unha baixeza). Hoxe facía moooito frío e un deles tapábase cunha manta tremendo.
Príncipe, os acordeóns... o leste... os rapaces crean ambientes estragados (porque as cousas non debían ser así), e o vello entoa o violín... sempre cun sorriso xélido na boca.
E chego ao MARCO, e tamén me dan rabia moitas cousas...

Quería denunciarlle a Vigo a súa forma xeada de causarme terror... pero tamén quería reparar na anestésica lectura de Proust, da súa Combray en flor, e dos seus páramos abertos...
Grazas por aloumiñarme, señor “madeleneiro”... porque Vigo doe un gofre e mais un barquillo e medio.

quarta-feira, novembro 26, 2008

OCÉANO

Océano, inmensidade, luz transparente á beira das rochas, e ese luminoso rumor nunhas augas intensas, tan reais e tan marabillosas, como vaga incesante, ardora imposíbel... E de repente un fulgor tan álxido, tan álxido... e unha pracidez salgada... de presente, pasado e futuro... e o círculo inconcreto das aves mariñas, da profundidade do azul... E sendeiros sinuosos no Atlántico, camiñando cara ó límite do océano, cara ó territorio dos faros, cara ás illas das mazás, cara ás insuas míticas e salgadas, carromeirosas, límpidas, puras...E fermosas furnas de inverno e paseos rochizos... e beber de cuncas de té á beira do mar, entre estrelas e ourizos, na transparencia das vidreiras, na realidade das correntes... E antigas cetarias, ausentes acuarios ennobelados na brisa... e se vísemos os peixes fluctuariamos entre os camiños das algas e as presenzas, no pasado das sereas, nos mascaróns de proa e naquel museo ateigado de cunchas...E de súpeto salas intensas de barcos e mapas, e unha luz peneirada, tan fonda, tan fonda... onde as baleas sorrín e emprestan a súa agua, onde habita Ptolomeo, e hai cartas xeográficas, e cadros de Lugrís, e gaivotas asustadas por ruídos mariños...Porque de socato é aquel mar tan mítico, de madeiras exóticas e ilusións terrestres, do pau Brasil, urco marabilloso, caixa de almafí, transparencias imposíbeis...Porque navegamos entre huchas de colores, panos tan estraños, exóticas flores, míticos animais...Porque descubrimos as naves, a intensidade do mar, os lagos resplandencentes, as prestidixitacións da area...Audio: Son de mar, océano, vento, correntes profundas, vagas inmensas....