terça-feira, novembro 29, 2005

THE NIGHT OF THE HUNTER

Sapos, estrañas alimarias, o terror, os cotobelos enfeitados da loucura, o preciosismo das imaxes, a arañeira perfecta, a hipocrisía, os nenos que navegan por un río de escuridade, o fabulario novo, os xogos do lusco fusco...

domingo, novembro 27, 2005

NOBELOS DE LA E REVISTAS

unha cunquiña de leite (quece), un pastel de cenoria (Magdalena lisboeta na noite de Nadal), chocolate con pan, sopa de letras con pelouros -traio os peterpans con lama- tosta rica na tevé -publicidade e suplementos de calceta...- na noite que escurece Espinete surca un armario (tapo os ollos co medo), baixamos da Graña mamá, Lucía e mais eu... é venres no piso, un dous tres responda outra vez, e o secador quéimame a cabeza... e perdín o libro mi mochila (sacúdeme a pena, e berro, e cáenme as marés). E no pé de mamá vaise cabalgando entre nobelos de la e revistas (batidos de amorodo, campos verdes, amplos xerseis con cintos... e porterías)... e no Natal que se achega un programa na tele, a carretera da iglesia, o grupo escolar (25 de diciembre... fum, fum, fum), e o piso que se abre, a humildade dos 80. E a Noiteboa na aldea, Estela que foxe para sempre, abelás que estoupan, Ilda e Manuel na cociña de ferro... e quero ficar quentiña nesta tenra miscelánea, neste universo de retallos (amores enfiados)... hoxe querería volver ver a pirotecnia do Carme asustada... buscando a escuridade dos brazos (papá e mamá... sublimes).

sexta-feira, novembro 25, 2005

VOLVER

quarta-feira, novembro 23, 2005

SABUGUEIRO NA FONTE

Quen puidera viaxar ó pasado... As xesteiras, a luminosidade na aldea, o pai ausente (Lisboa colonial de tranvía e café), a tía que consente e peitea o cabelo na sala grande, a voda elegante, o neno que nace, a rabia da intelixencia que comprende, o muíño que non cesa de moer (fariña infinita), a avoa que se agocha nunha arca grande, a auga que escorre, os carambos de xeo na poza abandonada, os carreiros que levan ó casal de mazás e mais fontes (os compañeiros das huchas e a limpeza, os cabritos na Xesteira, a alegría na humildade), os lagartos que temes, a nai que non pode deter o seu traballo (mans de laboura intensa), a planta engalanada con papel de prata, a galería vella, a tenda de Rei, e o leite que mana (fartura silenciosa), e os figos saborosos, e a avoa que recibe con Imperio Argentina (caramelos de menta, onzas de chocolate)...

segunda-feira, novembro 21, 2005

LOVE IS IN THE AIR


Volvinte ver, e pensei que xa non sentiría nada por ti... Mais ennobelouse algo no meu corazón... E atopeime tan ben á túa beira...
Cando o espazo é unha fina columna de fume, e existe suavidade... Cando, aínda que o neguemos, a verdade agroma nas nosas faces, nos sorrisos, nos ollos que faíscan...
Porque para falar non é preciso rozar o cabelo coa tenrura, e adormece o espazo fóra de onde nós estamos...
Existirá atracción tan forte como a que nos une (rafia fermosísima)?
Ás veces o orgullo é destrución da felicidade...

domingo, novembro 20, 2005

GATOS, CEGOÑAS E PINGÜÍNS


Rosca de Pascua, fragrancia a forno de pan (intenso)... unha visita, unha noite que se entrega... pan con queixo (alfinetes de cores que relocen: vermello de la, mariño de colcha...amarelo de migalla).
Para a nena predilecta... unha estancia de brancura... boneca de primeira comuñón, pel de goma (Famosa, Jesmar, Matel... nenas primixenias, bebés ilimitados) e unha cegoña que peteira observa na butaca de veludo... e xorden seres asombrosos da ultradimensión... É Tele-Chat a descuberta dun mundo vibrante... seres intensos que conviven, pescozo que se agocha, tele-news, pingüíns de Beakman sementando... é a outra realidade ilusionante, sensación sublime do ilimitado... (e volvín atopar o faio de Frankfurt na noite: con locomotoras e estacións, porcelana, música en secuencias -galano da abuela, caixa de alfaias- e a luz que accede tricotada -calceta con desexos de la...-.)

quinta-feira, novembro 17, 2005

PEIXE QUE ESVARA

Desexo absoluto... Os beixos ennobélanse entre chatolas de prata, axóuxeres de cíngaros, velvet goldmine...Voan rápidos os peixes entre os risos... E procuras cunca de pétalas antigas...E aínda que es a beleza perfecta, precisas da imperfección dos outeiros acesos, das chairas de neve, das sinuosidades de luces...e preguntas por un beixo, e outorgas abrazos
de álamo,
madresilvas suaves,
elegancia plena,
e percórrense os carreiros na humidade,
as areas branquísimas da ilusión nas palabras,

e es a beleza perfecta na noite oceánica.

terça-feira, novembro 15, 2005

ARROZ CON LEITE


Antollo de arroz con leite (con abundante canela). Vou enviar invitacións azucradas para todos vós, viredes? Tea a cadros vermellos, teteira branca elegante... (e cristalíneas fiestras no moble escuro) Decorando perfís de acuarela ondulante.
E na memoria unha tarde de chocolate... Cesária absoluta. Unha casa das Américas (a vida indiana na aldea, outono nacente, Nilza nas camelias). Biscoitos que se derreten na boca... e chocolate quente, e personaxes inmensos (eu era pequena)
E foi desexo sempre unha doce tarde... (venres seco de sol). Intre de paz na adolescencia miña (xa non me feren as feridas)..., elaborando chulas (vento de té), biscoito caseiro de iogur... e arroz con leite...
Do meu cuarto agora xorden bolas de arroz branco, como neve... e ides petar á porta de gala, e ides subir educados, e ídesme contar mil historias (contos de café), e quece a tarde de arroz con leite á que todos estades convidados...

IAN CURTIS




Apareciches.
Será bo momento para as músicas escuras...?
(dozura de fume de tabaco, suavidade da epiderme, beixos ennobelados, tenrura, e gústame tanto cando pronuncias o meu nome...)

sábado, novembro 12, 2005

BICOS MEUS


beixos meus... sen selo, instantes na busca do tempo perdido, aromas imposibles... e hai historias que non selan o desexo, que non apagan a paixón (o amor terríbel). E quérense eses bicos por non selo, e ámanse os beizos intactos (atacan na memoria, perforan a boca que non os coñece). E son beixos de cinema, auto-censura no Paradiso...

quarta-feira, novembro 09, 2005

COMEDIANTES



... ou como esquivar o amor...

segunda-feira, novembro 07, 2005

REPTILIA

Dentelladas. Estrelas diúrnas, chatolas, os beizos que se entreabren, o fume do espectáculo, os cosmonautas, serpes que esvaran polo pavimento, e xorde remuíño entre a música (Delorean) e o celme, e ollar as horas dende o goldmine e a purpurina (Starman agroma na viaxe), e Banquet penetra na noite, e xorden laranxas entre a neve, e Zigger que danza, e branco e negro, e a orixinalidade que se filtra coa choiva, e hai mordedelas nas estrelas, e Ian Curtis que non reaparece (aínda que She's lost control), e os réptiles apodéranse da noite, e son diamond dogs, e Studio 54, e a arte comeza a súa andaina, e existe convite, e David Bowie triunfa, e os The Hives chegan en zorra de alces, e é unha loucura, porque dormen os Smiths. Dentelladas.

sexta-feira, novembro 04, 2005

DÉJÀVU


Debúxame un ollo de outono no perfil da boca... perdín o zapato de cristal mentres subía nerviosa, mentres falaba e falaba (almofadas), atopáchelo baldeiro de estralos, oco de presencias... unha rosa para beber, gotas espidas de rancor eterno (feridas túas).
É unha función extraordinaria no París (Ceci n´est pas une pipe), relato antigo (pequenos novos comediantes), e pintamos bigotes novamente, e debúxame un ollo de outono no perfil da boca (oca que toca a boca...)

quinta-feira, novembro 03, 2005

IT WAS A PLEASURE TO MEET YOU

terça-feira, novembro 01, 2005

E CHEGOU A HORA...


... de idear un relato novo...