terça-feira, janeiro 31, 2006

ESENCIA


En definitiva, as liñas rectas non están feitas para min; son de reviravoltas estrañas...

sábado, janeiro 28, 2006

MANÍAS DA OUTRA LAURINDINHA

As manías da outra Laurindinha (tan diferentes coma terroríficas...)

I. Cando enfermo fago coma se nada pasase: prescindo das aspirinas e do couldina... dende que abandonei aquelas menciñas tan riquiñas (vivaporús, talquistina...), xa non me apetece medicarme, nin visitar ao doutor -que xa non é palestino (para min un pastelino -fillo das plastilinas-). Ademais, fóra da casa... as enfermidades non se levan tan ben... espertas soa na noite, e soa quedas... así que cando enfermo, fago coma que non me enterei, coma se o meu móbil estivese apagado ou fóra de cobertura.

II. Antes adoitaba anotalo todo... De nena recibín de regalo unha axenda portuguesa moi xeitosa que marcaba as horas do día: eu anotaba cada teleserie que miraba, cada alimento que inxería... No meu primeiro diario anotei: Hoxe na plaza encontrei a Josefiña, pero non lle tuven medo. Tiña cinco anos.

III. Imposibilidade de conter a risa. Mentres lía no colexio, respostando unha pregunta na clase, cando alguén cae... e demais escenas lamentables nas que quedas verdadeiramente mal botándote a rir...

IV. Son un pouco teimosa... Se vou á praia (é dicir, cada día, cada verán...), teño que bañarme, enténdase: mollar o pelo pero mergullándome... non vale agachar o corpo, tapar o nariz, e botar a cabeza para atrás.

V. E cando viaxo en tren calculo o lugar no que vou sentar... non me gusta ir nos que son de catro (levas caras frontalmente e pode poñerme un pouco nerviosa), encántame ir soa (a non ser que a compañía sexa agradábel e de confianza), e gústanme máis os rexionais cutres, que van baldeiros e quenta máis a calefacción... e algo no que non poño demasiada atención, o mellor lado é o que percorre a ría de Arousa, pero non sei como fago que nunca atino e acabo sentándome do outro lado, que por outro lado, tamén ten casas interesantes (véxase zona de Catoira... botan a correr gnomos, e na auga crece a vexetación decadente...).

quinta-feira, janeiro 26, 2006

MANÍAS

5 manías:
1)Pasar o fío dental todos os días (manía posterior ó proceso de extracción das catro moas do siso).
2)Ser demasiado escrupulosa (vasos, cubertos, manteis, baños, etc.)
3)A curiosidade. Isto comprende un amplo abano de posibilidades: dende precisar cantidades inxentes de información nova cada día (música, literatura, arte, cine, historia, etc.) , ata preguntar polos fíos soltos dunha conversa intrascendente, pasando por consultar calquera dúbida que me xurda. [Creo que esta manía é compartida por Acedre]
Nota: Este impulso de curiosa impulsiva levoume a un pequeno conflicto hai pouco coa outra metade de Laurindinha.
4)Terror á ociosidade.
5)Preciso rematar os libros que comezo, aínda que non me gusten.

Paso o testigo a:
Boedense
Bueno
Edu
Kaplan
Niño de la Guía

segunda-feira, janeiro 23, 2006

SADA

Cecebre: tarde de literatura e biscoito, poesía, espazo cálido e tenro. A viaxe é reviravoltas e luz, fragas de desexo. Sada acóllenos na casa grande, nos teixos nocturnos, nas escaleiras de pedra, Mouro baixo a mesa, os círculos de misterio... A Coruña océano na noite. E volvemos á casa, ós cadros decadentes, ós risos nas tebras (chave de xigante), á familia amigable... Domingo de compañeiros, de Can, mirtos na horta, medicina humanista, conversa interesante (o celme), unha nena bulideira, chocolate de tarde... (e despídome de futuro esposo: compañeiras no coche –popero: Beatles primeiros, chapas no abrigo).

quarta-feira, janeiro 18, 2006

FINE ARTS

Coñecinte. E sorprendeume Belas Artes, a pintura, o té...
Domingo de chuvia, beixos mornos, redescuberta de Cortázar, La realidad y el deseo, debuxos de liñas circulares, profundas...
E precisei estar contigo...
Mais desconfío de tanta normalidade, fáciles correntes subterráneas...
Acostumaríame demasiado ás reviravoltas estrañas?

segunda-feira, janeiro 16, 2006

ACUÁTICA

Levamos acuática poza dentro de nós, repouso amargo movíbel -revírase, alóngase tal vexetación, flota por onde pode-. Mais é limitada, finita... os días tristes van deixando o seu pouso, a súa bágoa, a pinga azul escura... é premonición da fervenza que aterra inmensa, que nos asolaga, que nos amedrenta... a poza xa non é calidez de auga, melancolía de encanto... a poza é un proceso kafkiano, unha metamorfose terríbel que apreixa as sensacións, os cinco sentidos -a nubrada vista, o insensíbel tacto, o ausente oído, o selado gusto e o axitado olfacto-.

quarta-feira, janeiro 11, 2006

BOLIVIA


Esperanza...

segunda-feira, janeiro 09, 2006

THE LONG BLONDES

Fin do Nadal... A tristura debrúzase na varanda absoluta... Albíscase a inmensidade, as estrelas, a escuridade profunda.
Agasallos, Oriente, fíos de prata, a beleza do sorriso...
Xa non estarás na casa, e o espazo é demasiado amplo e luminoso (o ruído da música non é compartido, nin árbore de galanos, nin plumas de faisán).
E vádesvos vós (festas na memoria).
E morre en min este conto de marabilla e Franz Ferdinand que comezou hai tanto (Nadal en decembro).
E aínda que se bifurcan os camiños, e a alegría esperta no meu interior a comezos de xaneiro (xeira nova) sinto morriña doce e fermosa.
Where is my mind?, Du Hast, tarima imposíbel, Bloody Sunday, Take me out, The dark of the matinee, The long blondes (a última noite de ano subimos á festa alegres, contentos), Somebody told me...
E os Strokes pasearon nos mesmos días polos mesmos lugares: Malasaña, Reina Sofía (Guernica), Prado...
O Nadal pecha as súas ás (brancas).

SENSACIÓNS



¿durmir noites de xabrón mazá? ¿parrulos, penso, Ferrería?

¿familiar estancia de tranquilidade? ¿pulcritude máxima?

¿titiritear música de saltar?

¿fumar opio? ¿albiscar mediterráneo, incenso e sefardí?

¿diversión punk? ¿imparábel electrotrasno?

¿ou viaxar con ollos de tristura de silencio?

???

terça-feira, janeiro 03, 2006

WHERE IS MY MIND?

Fin de ano... O ar revolto, ardente... Subimos a festa engaiolante en mansión antiga, acubilladora; e existe taxi de conto.
Descendemos curvas, labirintos...
E non te acho no espazo nocturno, e temo os ánades salvaxes (porque o desexo non entende de Penélope antiga, desesperada por mito presente, desquiciamentos subversivos).
Pero superamos a primeira proba, e recíbesme con sorriso de estrela polar, cálida e luminosa, e devezo por ese xeito teu de beixarme na benvida, como caricia de mar, suavidade extremísima. E como gozo do teu ollar mentres a música nos asolaga, e todo é complicidade absoluta.
Mais non podo máis, é demasiada loucura para min. Non son quen de descifrar reviravoltas estrañas....
E vaste, e case resisto, mais caio en alfombra de plumas, en ededrón de pétalas exóticas, en marabilla matutina, beixos de enredadeira, tersura infinita, paraíso de inmensidade, penumbra lixeira... (acéndense os lumes).