domingo, outubro 30, 2005

"QUE TE LLENEN EL CORAZÓN..."

"Que te llene el corazón", dis, "encontrar a alguien que te llene el corazón"... E recordo, e relato a miña primeira historia de amor verdadeira (antes xa fora moza dun galán oliva compartido, eu, amante tola que corría liberada... lonxe de sentirme amada..."no tenía lleno el corazón")...

Entón chegou o cambio de curso, a madurez emocional do novo patio, do novo edificio do grupo (escolar): entramos por orde de lista, sete anos ti, sete anos eu, e as letras dos apelidos que se perseguen recíprocas, xuntos, caladamente, observamos como xurdía entre nós a complicidade dos amantes da bohème, dos tolos habitantes do París das vangardas... (eu gosto de voçe, e gosto de ficar con voçe, meu riso é tâo feliz contigo, o meu melhor amigo é o meu amor...velha infancia)
E fun nena altiva secretamente ao ver todo o que te querían as demais, e eu ficaba sempre ao teu lado, arrolándote coa miña fala sabedora de xustizas universais, experimentada en xuízos pobres (inxustísimos).
E ocultabamos o caderno coas solucións aos problemas (só de papel, o mundo era piruleta), a intelixencia era un xogo, tiramos por ela e quedou partida en dous, para os dous, sempre.
E un día pensei que tiñamos unha cita, prescindín das miñas amigas, aventureime a ir soa a unha reunión escolar con papá, e quedei fóra conversando cos demais nenos, eu, única nena agardando a que chegases, e os outros nenos "no me llenaban el corazón", e estaba rabiosa por non te ver, por que non chegabas, por que tiraras ao mar as miñas ilusións do primeiro encontro extra-escolar... e así enfuciñada non me decatei de que chegabas apurado, por que non puideras chegar antes, que tiveras clases de lingua estranxeira (que culto e exquisito...) e traías o mellor dos galanos: fuciño de amor e trenca azul escura (sempre na memoria), con botóns de madeira perfectamente abotoados... amei a túa pulcritude, o teu porte de neno-intelectual (o british nos cadernos, o pelo recortado, as fazulas gordiñas, os ollos verdes, o cabelo dourado...)
E pasaron tres anos de amor cómplice pero agochado, eu non falaba de ti como as demais... (eu ocultaba o meu fuciño de amor)... e compartimos sabedoría: Bulma, Son Goku, disfrazácheste de Robin, eu de dama antiga, falamos dos teus amados Guns N´Roses... quixen ter óculos redondos cando localizaron a túa miopía, e só conseguín da médico terribles palabras (quería ser estrábica para ti, para termos oito ollos para ver o mundo, para vernos máis veces ao día, para compartilo todo...)

E ti falas diso, de "cuando alguien te llena el corazón del todo"... preciosa sensación... (Grazas, Pedro, por tanta sabedoría en tan poucas palabras...)

SHE'S LOST CONTROL (ONLY SHE?)

Como unha montaña rusa... Chegas, sobes... E segues a ollar na penumbra durante tanto tempo... E sinto tenrura cara a ti, porque xa é moito tempo, e quérote aínda que o intente neutralizar, e cheira a castañas na Pontevedra de sempre (Ferrería de domingos da miña infancia), e sufro se ti me ves con outros... E chegas, e o teu sorriso é tan marabilloso, e es tan doce... Pero existen demasiados espectadores. E sei que contigo realizaría aventuras inauditas, viaxes a países afastados, alegrías súbitas... Como unha montaña rusa...
E alzáchesme nos últimos de setembro, e es Joy Division, e tenrura, e emoción que atravesa... e outubro (e es tan doce cando pronuncias o meu nome...).
Como unha montaña rusa...
E quérote aínda que o negue, porque es avelaíña doce que se apousentou no meu corazón, e gústanme os teus ollos tristes...
Porque é como unha montaña rusa, como unha montaña rusa.

sábado, outubro 29, 2005

NEVA NEVA


esquimó de neve xabrón, acuario
de pisces elegantes... -axóuxeres- pingas de algas e de vapor...
esvaramos ámbolos polo xeo de saraibas, conxelamos a voz e a liña elegante da face (nevan lúas de arroz na noite sempiterna...)

sexta-feira, outubro 28, 2005

BOBI E PATI (da aldea automática)


...na noite absurda choveron cenorias laranxas...

SOMNÁMBULOS


"(...) y si un día te encontrare una mañana
será posible, será dormido
será posible, será dormido"

Somnambuleando igual de durmidos... falan as pestanas (abanos de soños) dunha lúa de Meliès...

INCERTIDUME

SYLVIA PLATH







Paxaros grises
obsesionan o meu corazón

quinta-feira, outubro 27, 2005

MEDIA NOITE




no me entregues,
tristísima medianoche,
al impuro mediodía blanco


Alejandra Pizarnik

terça-feira, outubro 25, 2005

MARUXA MALLO


O feminismo.
A liberdade.
A transgresión.
A vangarda.

sábado, outubro 22, 2005

MIÑA XOIA





O galego é unha lingua erótica:
reivindico facer o amor con ela.

Manuel Rivas

sexta-feira, outubro 21, 2005

MY EMPTY HEART


é a cidade prohibida para min... pés diminutos na bota branca (porcelana china), con seda e liñas enredadas (aníñanse no peito).
refulxe a licencia poética... acariño novos paraísos de artificio (de estilográfica branca e remuíños quedos... )
son a emperatriz dun conto marabilloso, brillantísimo...
fumamos opio (charlestón no Xapón)...
e quero uns óculos circulares, pedalexar bicicleta de letras -alfabeto de sopa-, saques de tenis, tarde branca, perfecta harmonía...
e aniñar na decadencia prometida, na cidade prohibida, no intenso perfume a incenso, entre dragóns de tinta china e un saltón de porcelana (oriente nos días e nas noites de emperatriz... teatro e arte, a cerámica de vidro envólveme os desexos).

INTUICIÓN

VIGO

Vigo. Berbés abrupto, mariñeiro, escaleiras de caracol nas costas, o bar das Almas Perdidas (vestixio da movida hai pouco derrubado), túneles de pendentes atractivas... Arribar á cidade en viaxe marítima (que pracer a cuberta ó sol, e os arroaces que atrapan), transatlánticos oceánicos, Carral que sobe entre linguas do mundo; e Castrelos e o Castro coas lembranzas antigas (chegara abril con beixos de sol e primavera); e os multicines Norte (Quils, cinema de tarde de semana); e o Sete Mares...; e o VadeMecum que se ofrecía como novidade excitante; e paseo polas rúas de pedra en tarde de setembro, en tarde marítima... e achamos teas de colores, o bulicio na Pedra, A Regenta preto da praza da Princesa... E baixo Urzáiz procurando invitacións para festa inverosímil.

quinta-feira, outubro 20, 2005

LOS GOZOS Y LAS SOMBRAS

Un día chuvioso de outono vin o primeiro capítulo da serie Los gozos y las sombras. É para min un exercicio apasionante achar paralelismos coa realidade: o alcume Sirome ou, por exemplo, a figura do Cubano, alter ego de Francisco Escáneo, vítima do 36, que compartía co personaxe a súa pata de pau, os seus ideais de esquerdas e o oficio de taberneiro. Gustaríame expoñer a idea de que é preciso homenaxear dende Bueu a personalidade de Escáneo, máis alá da rúa que leva o seu nome (cabe lembrar, de todos os xeitos, o fito que representou para vila que o primeiro goberno municipal da democracia empregase as figuras de Rosalía de Castro, Castelao, Alexandre Bóveda, Johan Carballeira e Francisco Escáneo para a nomenclatura das rúas).

quarta-feira, outubro 19, 2005

"TUS AMIGOS DE PARCHÍS"


...anaquiños de nubes... amorodos silvestres con pintas , biquiños de anís (parchís), madeira de chocolate, ventás amendoadas (temos meigas na adega)...
regalicia longuísima (de caramelo), ameixas... (quéroas douradas), pés fauvistas,
dediños con amoras, corazóns brandos...
... voan pombiñas de trigo ...

vamp? onde estás?

BLOC PARTY

O glamour do teu corpo que se desliza coma gato elegante (habitante esguío, delgadeza presente).
Xorden beizos sixilosos, nariz recto, peixes prateados, ollos espertos baixo as follas que caen (brillantes)...
A frescura dun sorriso que agroma coma globo aerostático de filme antigo...
E recolles a face con dúas mans elegantes, delicadas... e es beixo de cinema, pracer devagariño, máis rápido outras veces, ilusión de novidade, atracción antiga, tempo aproximándonos no veludo...
O océano ofréndanos atracción inevitábel, mans que percorren latitudes abismais, beixos agromando nos ombreiros tan nus, cunca que desexas, sorriso, loucura entre os outeiros, espiral de pracer no pescozo deste gato elegante...
Ofrécesme xardín de marabilla (amante xeneroso).
E que beleza a atracción na antártida mergullada, o sorriso albiscado rápido entre as tebras... (noite de calidez oceánica)

terça-feira, outubro 18, 2005

FEDERICO RIBAS EN LAPAMÁN


Aqueles tolos anos 20 en Bueu...

JOY DIVISION

Olleite cando camiñabas pola rúa... Parecías tan absorto, tan tenro, tan tenue, atraente... As follas caían das árbores e a tarde era unha algarabía de paxaros. Que beleza na cidade da arte e mais da pedra, dos plátanos murmuradores... Tranquilidade de outubro perdido na memoria .Parecías tan ti... E sentín que un paxaro se aniñaba no meu corazón (e unha laranxa na miña gorxa).

segunda-feira, outubro 17, 2005

MENTES MASCANDO MENTA

auga fervida con fíos que se enredan (vapor azul)... lavei a cara, herba Luísa de San Xoán... nun caderno levo desexos apuntados (vividos): equilibrar na corda frouxa, viaxar arredor da terra (globo terráqueo terco pero eficiente...) e chegar alá onde a vertixe amolece, onde xorden infusións novas, tés do Brasil, mate arxentino, modernismo catalán, Cat Stevens, unha casa grande, unha varanda inmensa, plantas luminosas, viaxe a través da noite en Compostela, brandísima sensación, levo os zapatos na man (azucrada, compracida)...


...e na vertixe ti arañas veludo vamp
na neurose circular...

domingo, outubro 16, 2005

ORIXINALIDADE

sábado, outubro 15, 2005

SABEDORIA



A tristeza é un muro entre dous xardíns


Khalil Gibran

quarta-feira, outubro 12, 2005

PERIGOSO E FATAL AQUEL MUNDO INFERNAL


Oito da tarde, o inverno pide papas... Hello, I love you...
Caracois acuáticos parten abatidos pola luz (un espello acena un adeus)
Quedaba tanto por descubrir... eramos ananiños na cidade de pedra, diminutos, People are strange ("I´m more"). Musicamos a tarde, ateigámola de sanchos barrigudos, "mazmorras" de veludo (azul?), e mergullámonos no casco vello arrastrando un bote, (fomos lobos de mar con bitácora e áncora dourada). Agardamos á saída, tarde cálida (sabe a castañas), e escribimos un número (K) na palma da man, averiamos un ordenador persoal (Nao Berlín, tras vogar máis), e selamos as tardes, baixamos ás catacumbas, roubámoslles os segredos aos días, ás noites... mesturámolos con ovos e fariña... volvéronse memorandum, caixa de tesouros colleitados coa inocencia dun neno que proba a ser algo máis maior...

"This isn´t the end, my old friend"

O ABRAZO

domingo, outubro 09, 2005

B.S.O.

Bloc Party, The Hives, The White Stripes, Joy Division (Dentelladas, Maniquís), The Smiths, The Von Bondies, Complicated (Stones), Devo, Daddy Yankee (Búho Azul), The Velvet Underground (Venus in furs), Si pudiera (Los Suaves), Los Planetas, The Killers, Licor de negro café (Lamatumbá), Nacho Vegas, Kaiser Chiefs, Cesária Évora, Cycle (Confusion), Los tigres del norte, Where is my mind (Pixies), Tom Tom Club, The Long Blondes ("misery"), Yard Birds, Hot Hot Heat...

sábado, outubro 08, 2005

KAISER CHIEFS



Alguén se lembra dun neno
paseando cun pato por Pontevedra?



Reading: Un estudo en escarlata, Arthur Conan Doyle

sexta-feira, outubro 07, 2005

UN BICO

(es pequeniño) choven retallos de cor, ameixas douradas (na diáspora veloz). Irmáns.
tremen butacas, muxican multitudes...
(es ti? pequeno valente?)

quinta-feira, outubro 06, 2005

ONLY TEN MINUTES, PLEASE







Instante marabilloso en Pontevedra
(a tarde é inmensa)

MISTERIOS

O neno dun pazo dende o seu balcón, a un tendeiro da Rúa Nova:

-Mustafá, Mustafá! después vente a hablar con mis muñecos...

Pasaron galantes unha árbore, unha serea, un lobo... os galicreques inundan Compostela como as vangardas asolagaron Venecia.

quarta-feira, outubro 05, 2005

EPIDERME DE ESTÍO

El hombre tiende a la felicidad, pero el mundo nos dice que la vida es seria, y confundimos eso con la tristeza. Una persona puede ser a la vez responsable y alegre, pero la sociedad intenta que seamos tristes. Las religiones, en general, son enemigas de la felicidad, pregonan el sentido de la culpa y censuran el placer. (José Elías, psicólogo, na revista Mujer Hoy, esa que vén os sábados coa Voz)

A imaxe é de Maruxa Mallo.

segunda-feira, outubro 03, 2005

COMPLICATED

Sempre pensei que os amores nacían como torrentes, fervenzas tremendas, paixóns súbitas... Mais decateime de que ás veces agroman paseniñamente, coa tenrura que se vai aniñando no corazón, caladamente, sen ruído, coa delicadeza do esvoazar dunha bolboreta desnortada.

REMI

Remi empurrou a bolsa de viaxe constante pero distraída. Subiu ausente as escaleiras (pena tristísima) e estirou forte o límite dos ollos. Non chorou. Baixou á cafetería dourada, Something no fío musical, sorbeu un mosto... e tampouco chorou. Ficou soa e durmiu esperta, sentiu a gripe petar á porta e seguiu sen chorar. Unha luz cenital, unha noite pesada...
É imposíbel... na noite... as mondarinas, o porco-espiño rosa, o xersei de la e mamá. Eran creacións estudadas pero ideais, puras conxeturas.
Un unicornio imposíbel.

(hai quen non ten... unha colcha de cores latendo no peito, unha tosta rica na memoria... hai quen non sabe querer)

sábado, outubro 01, 2005

VOLVEN