"QUE TE LLENEN EL CORAZÓN..."
Entón chegou o cambio de curso, a madurez emocional do novo patio, do novo edificio do grupo (escolar): entramos por orde de lista, sete anos ti, sete anos eu, e as letras dos apelidos que se perseguen recíprocas, xuntos, caladamente, observamos como xurdía entre nós a complicidade dos amantes da bohème, dos tolos habitantes do París das vangardas... (eu gosto de voçe, e gosto de ficar con voçe, meu riso é tâo feliz contigo, o meu melhor amigo é o meu amor...velha infancia)
E fun nena altiva secretamente ao ver todo o que te querían as demais, e eu ficaba sempre ao teu lado, arrolándote coa miña fala sabedora de xustizas universais, experimentada en xuízos pobres (inxustísimos).
E ocultabamos o caderno coas solucións aos problemas (só de papel, o mundo era piruleta), a intelixencia era un xogo, tiramos por ela e quedou partida en dous, para os dous, sempre.
E un día pensei que tiñamos unha cita, prescindín das miñas amigas, aventureime a ir soa a unha reunión escolar con papá, e quedei fóra conversando cos demais nenos, eu, única nena agardando a que chegases, e os outros nenos "no me llenaban el corazón", e estaba rabiosa por non te ver, por que non chegabas, por que tiraras ao mar as miñas ilusións do primeiro encontro extra-escolar... e así enfuciñada non me decatei de que chegabas apurado, por que non puideras chegar antes, que tiveras clases de lingua estranxeira (que culto e exquisito...) e traías o mellor dos galanos: fuciño de amor e trenca azul escura (sempre na memoria), con botóns de madeira perfectamente abotoados... amei a túa pulcritude, o teu porte de neno-intelectual (o british nos cadernos, o pelo recortado, as fazulas gordiñas, os ollos verdes, o cabelo dourado...)
E pasaron tres anos de amor cómplice pero agochado, eu non falaba de ti como as demais... (eu ocultaba o meu fuciño de amor)... e compartimos sabedoría: Bulma, Son Goku, disfrazácheste de Robin, eu de dama antiga, falamos dos teus amados Guns N´Roses... quixen ter óculos redondos cando localizaron a túa miopía, e só conseguín da médico terribles palabras (quería ser estrábica para ti, para termos oito ollos para ver o mundo, para vernos máis veces ao día, para compartilo todo...)
E ti falas diso, de "cuando alguien te llena el corazón del todo"... preciosa sensación... (Grazas, Pedro, por tanta sabedoría en tan poucas palabras...)